lunes, 31 de marzo de 2008

A Voz dos Carraos

Cando Antonio Reigosa me convidou a participar en A Voz dos Carraos non coñecía exactamente en que consistia este críptico título dunha revista oral que editaba o Museo Provincial de Lugo. Só imaxinaba que un acto deseñado por un guionista dunha Galicia encantada e inventor de deliciosas fábulas e lendas, tiña que ter ambiente de maxia e invocación de seres míticos. Así foi dalgunha forma, unha inesquecíble velada de marabillosas páxinas visuais, poéticas,escénicas ou musicais que se axitaban co vento silencioso e salgado dese santuario de mar e memoria que é o Museo de San Cibrao.

Foi tamén unha colección de olladas diversas e fermosas, Jesús Amor, xeometría, serena e retranqueira...Noemí cun mirar vivo, áxil, vixiante de soños...Carmen Dor de ollos mariños, profundos que conducen unha voz de maré viva e fiestras revoltas por tormentas...Isidro Novo que fita dende a bitácora ante furiosas ondas e versos verquidos con enerxía...os títeres de Spaghetti con ollada escura de soño e pingueiras con ritmos divertidos.
..E finalmente a ollada do público, recíproca e cómplice que é a capa, contracapa e única encadernación desta revista oral. Vivencias, como dicia Carmen Lago, xerente da Rede Museística, que desaparecen cando se corre o telón e se oscurece o Museo. Da un pouco de pena que teña que concluir esta xoia efímera pero aínda queda a nosa memoria, máis duradeira que a luz da pantalla ou o papel...unha revista de olladas e voces eternas, o soño de calquera editor.

martes, 11 de marzo de 2008

Porque te molestaches! (%$>@)

A deliciosa rainha vermella honrame cun meme-agasallo que por suposto cumplimento con dilixencia.

Unha garavata branca cun logo dun lagarto negro, non acostumo a usar garavatas pero brancas e con lagarto, lagarto! menos.

Unha máquina de fotos que me regalou miña tía (tiña unha tenda e veulle nunha promoción de deterxentes) que parecía feita por alumnos de tecnoloxía da ESO, viase parte do obxectivo no visor.

Unha vieira de recordo dunha vila mariñeira escrita con rotulador barato

Bombóns agusanados, unha escena de terror na hora do café.

Unha canastra chantada nun eucalipto moi “ecolóxica” e situada nun prado costa arriba, perfecta para un baloncesto imposible (agasallo do meu pai)

bicos e bos presentes

martes, 4 de marzo de 2008

A (impagable) publicación do mundo educativo

Un espazo pouco considerado e citado nos escintilantes titulares da cultura, é o mundo de publicacións que se promove no ámbito dos centros educativos das nosas vilas e bisbarras. Estas humildes cabeceiras son un auténtico viveiro de futuras promesas da literatura, xornalismo ou outros campos da sociedade como probabelmente demostrarian moitas biografías de senlleiras figuras que agochan sen dubidar algún artigo, ilustración, poesía ou relato asinado nas páxinas do xornal ou revista do instituto, colexio ou centro no que estudaron algun día.
Pero non só é un chanzo imprescindíbel na base da arquitectura educativa e informativa nesa sociedade escolar senón que é un instrumento valiosísimo en moitos concellos escasamente documentados en escritos e bibliografía que consignen a súa historia, costumes, persoeiros ou calquera anecdotario da súa vida diaria. Esta información quedaria esquecida senón fose polo esforzo xeneroso e desinteresado de profesores e alumnos que dedican moitas horas do seu tempo de lecer a construír un medio comunicativo digno e reivindicador da terra onde estan arraigados.
Uns baixo o selo dos equipos de normalización lingüística, actividades extraescolares, proxectos pedagóxicos ou simplemente como memoria ou anuario da vida colexial. Unhas veces tuteladas por profesores que compoñen a mesa de redacción de xeito preponderante, dirixindo, elaborando e deseñando a columna vertebral da publicación, noutros casos, con algún profesor fixo ou eventual que busca, supervisa e coordina a uns redactores, fotógrafos ou maquetadores aos que da liberdade e simplemente aconsella ou orienta. Tamén de xeito mixto ou paritario entre alumnos e docentes que cooperan para sacar adiante o boletín do centro de ensino.
A periodicidade e continuidade na publicación ou a calidade de edición depende do talento e voluntarismo da comunidade educativa sometida á inevitable fugacidade de xerazóns que se relevan nestas empresas moitas veces pouco recompensadas e comprendidas.

Xerfa escuma branca das ondas do mar da ría de Ribadeo que dirixe Alfonso Piñeiro Funcasta, revista do I.E.S. Porta da Auga de factura impecábel cun estilo digamos de publicación "administrativa" cunha maquetación coidada e moi orientada a actividades científicas como o Congreso de EnCiGa ou a Feira de Ciencia e Tecnoloxía.

O Provisional, Xornal de información Xeral do Instituto de Educación Secundaria “María Sarmiento” de Viveiro que adopta a forma de "gacetilla" de letra gótica e columnas estreitas, impresa nunha edición moi sinxela que non afea unha maquetación moi equilibrada e cun estilo visual sobrio pero correcto e profesional.Trae unha interesante historia da mítica The Viveiro Iron Ore Co. Ltd, mina do ferro perto de Covas (Viveiro) que principia a actividade co primeiro cargamento cara a Alemaña, o 20 de decembro no 1899, no vapor Laurak-Bac, materia prima para a fabricación de canóns que sen dúbida fixeron estoupidos na Gran Guerra.

Lerias do Leiras do IES “Manuel Leiras Pulpeiro” Lugo, tamén cun bo deseño e unha interesante aportación de alumnos enfocada a unha corrente de crítica social e política duns rapaces comprometidos e incríbelmente maduros para a súa idade.

Amencer, unha revista dos alumnos do Seminario Sta Catalina – Mondoñedo (Lugo)
ambicioso e densísimo proxecto cun aire estilista de sabor nostálxico e de influencias do galeguismo editorial de ultramar dos anos 50, con salientabeis colaboracións de autores consagrados articulados por unha redacción de 12 a 14 anos que parece máis propia polo resultado da súa labor, de idades e formación de etapa universitaria.

Maruxía, AC dos Matos, do IPF Burela, cun deseño algo limitado polas obrigas dos espazos publicitarios locais pero con achegas moi ben elaboradas como un excepcional artigo dos carpinteiros da ribeira ou reportaxes que tratan temas diversos, ben tratados e cun criterio de especial vinculación coa localidade burelesa.

Xornalouro, periódico-revista do IES Alfoz-Valadouro que foi evolucionando en calidade e edición, onde a participación dos alumnos é prioritaria e que se deriva no volcado de creacións de moitísimos rapaces, actividades do centro e da historia, personaxes e cousas que pasan no seus concellos. José Peinó encárgase de orientar e promover a actuación do consello de redacción que traballa con responsabilidades repartidas e igualitarias sen unha estructura xerárquica.

A verdade, encantaríame que me contarades novas de revistas,boletíns, xornais doutras partes de Galicia, do seu espirito e historia, dos nomes evocadores e poéticos que os ligan coa súa comarca, de bravos proxectos interrumpidos ou da exemplar inspiración de docentes que alumaron futuras e brillantes carreiras xornalistas. Mesmo seria bon saber deses esforzos calados, do olor a tinta e os clichés antigos, das máquinas de escribir e das eternas correccións, de fotocopiadoras atascadas e soños publicados.

Archivo del blog