martes, 4 de febrero de 2014

Papel cor Pel 1

A influencia das sucesivas cicloxenitais explosivas baixan a maré da miña brava líbido polo que pensei facer unha entrada reivindicando o erotismo da 9ª Arte. Si señores: mozas espidas como expresión intensa da beleza e sexualidade das historias que se fragmentan en mil cadriños de papel.

O cómic para o público adulto (non confundir con produtos como Comix) é xeneroso en exhibir o corpo, sobre todo feminino como vehiculo para reflectir intres de lecer acompañadas as máis das veces por partenaires galantes e amantes sobre camas o outros lugares de paixón.

Case sempre son mozas ben feitas, corpos desexables onde o debuxante fai alarde da súa boa técnica imprimindo harmonía de formas, curvas e detalles.

Por último as fermosas protagonistas das BD elixidas acostuman ser novas, brancas, de peitos bonitos e longas pernas, conformando esa tipoloxia estándar na novela gráfica. En canto ao rol aqui pódese atopar máis variedade, ás veces a muller leva a iniciativa, outras o home ou acaso a paixón é simultánea e coordinada.

Arrincamos con produto español, a estupenda debuxante Ana Miralles que fixo un traballo espléndido co guión de Dufaux para a serie Djinn
Esta historia tiña que ter espidos si ou si, xa que o erotismo atravesa da capa á contracapa. A protagonista é a favorita do Sultán, Jade que usa os seus encantos e intelixencia para conseguir o que quere. Nun escenario exótico, nos límites do Imperio Otomano, nunha época de intrigas, espionaxe e ambiente prebélico desenvólvese unha historia seductora e imprevisible que viaxa no tempo e no mundo na estela dese xenio malévolo e fascinante, o Djinn.

Miralles fai uns debuxos preciosos do corpo da muller, cun rexistro de miradas que é perturbadora e moi expresiva para identificar cada personalidade, coas liñas suficientes, non é unha autora que abuse de detalles pero cun dominio maxistral da luz e da sombra para dar os volúmenes precisos ao tipo femenino e deixarnos coa boca aberta. O seu estilo é perfecto para ilustrar as belezas que se agochan tras as paredes do harén ou para contrastar as formas de mulleres de distintas razas nesta historia tan suxerente que recomendo pero xa!!!

Agora poñemonos románticos como na novela gráfica El Vuelo del Cuervo do francés Gibrat, unha historia ambientada na II Guerra Mundial, no delicioso Paris, unha moza valente xogándose o pescozo pola Resistencia, polas rúas e os tellados esvaradizos da Cidade da Luz. Poñede unha boina vermella e unhas luvas brancas e teremos o arquetipo de rapaza chic e soñadora capaz de namorar a un rapaz lacazán e pillabán pero de bo corazón. Ben, temos todos os ingredentes tópicos pero é que ademais Gibrat é un talento na composición de fermosos cadros que reflicten con detalle os diferentes escenarios urbanos. Tamén no dinamismo das personaxes, case síntese o aletear da saia de Jeane ao ritmo das belísimas pernas e poses da figura protagonista.

Gibrat é un namorado da beleza dunha muller feminina e encantadora e nótase, síntese, no trazo, na expresión... Normalmente non imaxinariamos nesta historia suave e doce este desnudo tan natural e elegante, un pouco da vella escola pero tan contemporáneo como debeu ser ese Paris dos anos 40 para os que foron os seus protagonistas. Pero ahi está.

Rematamos a primeira entrega cunha serie que sempre me fascinou, teño que recoñecelo, máis ben polo extraordinario guión de Patrick Cothias aínda que hai que asumir a perfección con que André Juillard serve á esta novela histórica que é Las 7 vidas del Gavilán. Juillard perfila descarnado, crú e de xeito vívido cada personaxe desta BD imprescindible. Bondade, xustiza, maldade, baixeza, lealdade...cada carácter está cosido á pel nos rostros con que Juillard nos somerxe no drama desta obra emocionándonos e violentándonos a partes iguais.
Aqui unha gráfica que se sae da norma exposta na introdución: unha parella entrada en anos, enrrugas e carnes, unha lealdade e pracer confiado pola criada ao Señor. Saímos das beiras más habituais do erotismo e agradécese nesta escena de inevitable tenrura e sensualidade.
En breve máis entregas, mañá ou pasado que esto non é Twitter, é un blog, lembrades? que se actualiza cada semestre?





Archivo del blog