lunes, 29 de septiembre de 2008

Casahamlet fantástico


A revista Casahamlet, ese excepcional catálogo de ensaio e creación dramática, dedica o último número ao teatro fantástico. Aínda que hoxe asociamos máis o termo á literatura moderna a partir do século XIX ou ao cinema, non é unha inspiración allea á vella arte escénica, posto que como se proclama no editorial, o teatro como expresión primixenia do ser humano é o espello da vida e polo tanto do elemento mítico imprescindíbel do individuo. É por tanto unha cuestión de variación léxica que o teatro reivindica con absoluta lexitimidade. Non obstante a influencia desta era de comunicacións globais desdebuxa os formatos de creación clásica, incorporando novas linguaxes e xeitos de pensar á fantasía do século XXI.
Nunha limitación de espazo que resulta ao final verdadeiramente estimulante, os autores convocados pola Casahamlet escenifican con instruccións breves unhas historias imaxinativas, sorprendentes, oníricas, perfectamente veteadas de humor, surrealismo e suspense segundo os casos para ambientar distintas mensaxes co selo fantástico.
Todo é posíbel aqui: dous espectros que contemplan a súa propia autopsia, un locutor dun noticiario de televisivo, insospeitado e indecente espectador dunha das novas, homes con máscaras de animais que pelexan a morte cun inimigo invisíbel, un especulador inmobiliario que intenta corromper a todo un bardo nacional...e moitas máis que se representan con enfoque fantástico nesta imprescindíbel recompilación de teatro breve á que nos invita Casahamlet.

lunes, 8 de septiembre de 2008

Natureza e Literatura, unha eficaz asociación para atraer viaxeiros

A concelleira de turismo, Maria Fernández, deulle pulo e determinación á necesidade de darlle unha nova imaxe ao Concello do Valadouro. A idea era contar coa ampla canteira (tendo en conta a poboación deste concello) de artistas, escritores, músicos, arquitectos ou xornalistas que dan homenaxe aos súas orixes e que deixaran pensamentos, reflexións ou sentimentos asinados ao lado de fotografías que suliñan O espírito máxico e verde deste val. Como moitos outros sitios de Galicia, si, pero coa súa propia personalidade. "Vive unha terra de contos e lendas" é o lema dun proxecto no que colaboran Miguel Vila, Isaac Ferreira, Xosé Manuel Casabella, Xan Casabella, Miro Casabella, Manuel Lourenzo, Xesús Pisón e Alaxe. Todos dando fe e boa conta do inspirador que pode ser esta terra de contos e lendas para as súas diversas facetas profesionais.

Archivo del blog