jueves, 20 de enero de 2011

6Only, unha hospedaxe alternativa


Encántanme os hoteis, habitar esa especie de crono-casas e o feito de facelas túas. A maleta destripada, o móbil agonizante na mesiña de noite, o contido do neceser esparexido no cuarto de baño...A bonita rutina de aprender as escaleiras e ese cadro tan particular, porfiar coa chave ou a tarxeta e equivocarte sempre ao prender a luz.
Si amigos, recompoñer e perfeccionar o puzzle de rúas descoñecidas ata atopar satisfeitos a porta azul.

A porta azul está en Duque de Loulé, Porto, e atreveríame a xurar que pouca xente da veciñanza sospeita que no vello inmoble se oculta esta guest house chamada 6Only.
O concepto e a filosofía desta morada anúnciase no site:
Não se trata de um hotel mas sim da nossa casa, onde o antigo convive co moderno.

E así o comprobamos sobre o terreo, segundo traspasamos a porta azul
.
Mariana fainos un recibimento cálido nunha estancia luminosa e aberta, curiosamente invisible dende a rúa, explícanos os detalles e funcionamentos da casa de invitados, así como un montón de indicacións utíles de que ver/facer na cidade con amabilidade e paciencia, mentres saboreamos un porto de benvida.
Estáse ben en 6Only, un edificio que o arquitecto encargado da rehabilitación, Tiago Lousa, lembra como unha digna e ancián señora. Nos teitos altísimos, nas fiestras batentes, no balaústre torneado da escaleira, recupérase o espírito elegante e señorial do inmoble portuense. O deseño limpo, funcional e cómodo, adapta a vivenda a novos tempos.
O "pequeno almoço" ben surtido e equilibrado axeitase aos costumes de distintos viaxeiros, o salón lounge, é un relaxante e familiar espazo no que ler, escoitar música ou ver a tele ao tempo que tomas unha bebida.
Pedro, a outra cara do binomio 6Only e que vive no piso de enriba con Mariana, quere saudarnos e felicitámolo pola casa e pola idea. Cóntanos o se concepto de hospedaxe que complementa a clásica oferta hoteleira da cidade. Parece un bo tio, tranquilo, afable e optimista, fálanos de que pretende contruir unha comunidade, unha familia a partir da residencia, será cuestión de tempo pois recorda que levan pouco máis dun ano funcionando. A xente repetirá, recomendará a experiencia a coñecidos e creará novos vencellos sólidos de six en six cuartos. Pedro quere crer que a xente é boa...a xente é boa, afirma convencido, e tiveron moita sorte dende que abriron a porta azul. Pode soar inxenuo, pero ouvido a Pedro resulta sincero e refrescante entre a circulación de pretenciosos eslógans pola cidade neste tempo de eleccións presidenciais.
Un concepto distinto, seis cuartos, un ambiente agradable de bed&breakfast urbano e de deseño en pleno centro da cidade do Douro.

PD Sigo aprezando este xeito de viaxar por outra parte, manexando os tempos, improvisando, repetindo os pasos, demorándose onde non se pensa. A conversa con F. Cardoso, taxista e pintor naturalista, Antonio Laranjeira, seductor e apaixoado fadista ou Sara, unha alegre e atractiva estudante de Imaxe que nos fala dos problemas do país, son algún dos recordos indispensables da viaxe.
Volverei, Pedro e Mariana.
Beijos

Archivo del blog