sábado, 19 de septiembre de 2009

Galegos

Tiña aqui no despacho hai máis dun mes o último número de Galegos, a revista trimestral que promove Ézaro Ediciones e que agora dirixe Alejandro Diéguez. Pero no verán entra demasiada iluminación e preguiza pola fiestra así que pospuxen este "review" ata setembro.
A factura da publicación é impecable tanto no sobrio e clásico deseño como no papel e formato, pouco habitual nas revistas como estas, de contidos heteroxéneos que parece dedicada case tanto ao interior como ao exterior de Galicia. Supoño que ese espirito se manifesta tanto na simétrica edición bilingüe como na elección de temas e personaxes relevantes, consolidados e pertencentes a cultura galega mainstream. Non atoparemos logo unha gran cuota de protagonistas alternativos e novos valores pero é unha agradable e vistosa ferramenta "Deluxe" para coñecer que se coce no mundo empresarial, político ou cultural desta terra, útil para os non galegos e os galegos que moitas veces descoñecemos tanto deste noroeste como un habitante das grandes chairas. Xa é fermosísima a portada que reverdece nos pinceis de Miguelanxo Prado e as imaxes de De Profundis, na ortodoxa entrevista que lle fan ao coruñés tampouco hai grandes revelacións aparte de suliñar a decepción dos esforzos baldíos en proxectos institucionais como o Museo do Humor.
Bluesens e a súa miragre tecnolóxica nun sector inédito en Galicia ocupan outra agradecida sección que protagoniza o emprendedor José Ramón García.
María do Carme Kruckenberg fai un breve repaso a unha vida privilexiada de coñecemento e relacións culturais que a puxeron en contacto coas grandes figuras de Galicia, España e América e que demostra como ata no presente unha galego-xermana e burguesa, non contradice unha visión cosmopolita e de alta sensibilidade pola cultura e a creación en lingua galega.
Xa coñecíamos a case mítica vida de Alfonso Graña e a seu "reinado xíbaro" a través dalgún xornal pero é moi interesante descubrir algún detalle máis, a parte de valiosas fotografías e reproduccións dos textos nos reversos que documentan esta odisea amazónica personalizada polo natural de Amiudal (Concello de Avión). Algún día algún Spielberg debería levar ao cine a lendaria e sorprendente biografía dun home que cautivou e dirixiu a esta tribo tan rebelde.
E hai máis: a policromía para salvar o feísmo, a eterna emigración e Albor no seu "estanque dourado", todo no impecable número 6 de Galegos, con pouca publicidade ademais e supoño...algunha subvención (aínda que non vexo logo) . Eu teñoa de balde, como debe ser, pero podedes ter os catro números nunha suscripción de 60 € (bah!pouco) Pero amortizables, sobre todo se fan unha versión máis flexible para poder introducir nos asentos de avións que entren e saian de Galicia así como nese oscuro obxecto de desexo que será o AVE. (polo norte de Galicia en FEVE, eso si)

Archivo del blog