lunes, 19 de noviembre de 2012

Michiña, O feitizo dunha estrela

Quedo con ela no vestíbulo do hotel onde se aloxa e véxoa chegar distraída pero sen abandoar o seu andar felino, marca da casa. Sen maquillaxe, roupa cómoda e xuvenil, costa recoñecer a escintilante estrela, ídolo de masas nas pantallas e na música ademais de icona da moda.
Pide un vaso de leite, "nada glamoroso"-di- e lémbrame os seus gostos sinxelos: non facer nada no seu tempo de lecer, "un arte perdido"-rí irónica-"A xente xa non sabe desconectar". Encántalle tomar o sol,  adormecida, cando non está nos platós de rodaxe ou no estudo de gravación.
Parece unha moza normal, divertida e bule-bule máis que unha diva xuvenil que un espera atopar.
Cóntame, mentres pasa a lingua sobre o gracioso bigode lácteo, que segue facendo a mesma vida que cando era anónima: volve ao vello barrio, a ruar na calella de xogos infantís para falar coa rapazada e poñerse ao día.
Orienta as orellas en dirección aos altofalantes cando empeza a soar Meaow, o primeiro single do seu disco de debut que está no top 10 dos máis ouvidos en internet e ollame cunha mestura de rubor e sorpresa.
"Cantei dende pequeniña e os veciños sempre ficaban engaiolados ante os agudos que saían desa cousa tan pequeniña-aclara entre gargalladas-"Foi un proceso natural, sempre quixen gravar un disco e chegou a oportunidade no momento perfecto".
Despois da súa aclamada interpretación na adaptación ao cine de "La chatte" baseada na obra de Colette, busca un cambio de rexistro, un traballo para todos os públicos. Devezo esta profesión porque permíteme ser moitas persoas distintas nun espazo temporal moi pequeno, adoito interiorizar cada personaxe ata perder gran parte da miña propia identidade, ¡é algo que mete medo! pero ao mesmo tempo máxicos, a veces non te recoñeces diante do espello. "Como che digo agora quero acción, adrenalina e flocos de millo"- e volve a rir.
Como na pantalla, cambia de rexistro e chisca un ollo seductor a un camareiro aturdido que non pode deixar de fixarse na nosa protagonista.
Encóllese de ombreiros, cando lle apunto o título de animal vivo máis sexy do planeta concedida polos lectores dunha prestixiosa revista: "Cousas dos xornalistas...hai milleiros de rapazas máis guapas pola rúa pero son anónimas".
Moitas desas mozas levan penduradas do pescozo xoias deseñadas pola entrevistada e agora rumba case con paixón cando falamos do selo Little Kat, unha liña de accesorios que están presentando unha alternativa a poderosa Hello Kitty.
"Non se trata de competencias, son mercados distintos, a miña colección pretende un concepto algo máis sofisticado e elegante, menos inxenuo pero a un prezo asequible. Sempre me gostou debuxar, a miña nai garda unha carpeta rechea de debuxos e esbozos..." -Cando a interrogo pola súas influencias- " Inspírome na natureza, na arte moderna, no que vexo na rúa...reinventado coa miña imaxinación infinda, remexendo  en todos os caixóns"-risas.
O seu axente avísa que o tempo da entrevista rematou, ensaia un aceno de desculpa, despedíndose cun amable e reiterado rozamento que me deixa abraiado mentres se alonxa entre olladas de admiración e murmurios, camiñando de vagar, elegante petar de tacóns, como unha gata sobre o tellado de zinc.
http://www.flickr.com/photos/susorubio/3879634724/ (Michiña portrayed courtesy by Suso Rubio)


Archivo del blog