jueves, 24 de julio de 2008

Unha vila con encanto


Hai iniciativas privadas que en determinadas circunstancias e contextos teñen unha dimensión tan pública ou máis que outras promovidas polas administracións.
Non hai moitas datas inaugurouse un hotel en Ferreira do Valadouro, unha hospedaxe con encanto. Sen coñecer o contexto da vila do val que nomea a este centro, poderíamos pensar que simplemente un novo negocio abre as súas portas co declarado e honesto propósito de facer empresa: obter beneficio e benestar para os seus promotores ademais de crear emprego e atraer visitantes a esta localidade.
Si, si...todas esas cousas comúns a iniciativas semellantes que sen embargo non me inspirar a escribir unha entrada propia e dedicada á causa que lles refiro.
Para os que non coñezan a vila, contarlles que pode que Ferreira non teña unha estampa tan fermosa, egrexia ou singular como se pode inferir das palabras estandarizadas propias dunha redacción de guia turística ou a exaltación dun fillo ilustre. Esto non obsta para que os ferreirense e valadourenses sempre admiráramos neste pequeno pobo, certos perfís, ritmos, espazos que caracterizaron a esta vila a través do tempo dándolle unha (certa) distinción. Ferreira foi máis: un centro comercial e de servizos desta comarca do Valadouro que no 1894 recibia concesión rexia de Vila. A praza e os cantóns, as notables casas de pedra, galerías, balconadas e forxados, os bancos, os bares e os comercios que arrecendían a vilego e señorial...

O espírito desa Ferreira foise diluíndo co paso dos anos ao mesmo tempo que outros pobos medraban e vigorizaban a súa influencia na comarca, unha vila illada, decadente e inanimada a maior parte do ano.

Tiven sorte de estar na inauguración e de que María Hermida, directora do hotel, me ensinara, ilusionada e orgullosa, habitación por habitación, cada un dos espazos exclusivos creados con sabedoría e cariño, unhas dependencias personalizadas no que o amor polo moble antigo, restaurado ou recreado está presente sen renunciar ás comodidades propias dun estabelecemento da súa categoría. María acompañábame polos corredores advertíndome da colocación simbólica e nada casual de cada obxeto decorativo capturado a través do tempo...utís de traballo, unha lembranza a o avó zoqueiro, un vello pupitre infantil, unha gramola...
A recuperación arquitectónica de varias fachadas da praza, a plusvalía para o concello que significa contar con prazas hosteleiras de calidade, a creazón dun espazo cara ao río que debe espolear ao concello na execución dun proxecto de paseo fluvial e a recuperación dese tramo do río...
Como ven, dimensións públicas e fondas dunha iniciativa privada.
Cando todos os veciños andabamos a percorrer o Hotel Vila do Val, varios coincidian nunha sentenza admirativa e confusa: Parece que non estamos en Ferreira!! Pois si señores, precisamente estamos en Ferreira, naquela vella Vila emprendedora e vital xa esquecida na memoria colectiva, pero Ramón Hermida e familia quixeron rescatar un espazo da nosa historia que se puidera reiventar sen complexos, con imaxinación e inspiración na tradición, é dicir, a vella Ferreira que ben puidera ser o ensaio da Ferreira do futuro.

Entrevista a María Hermida en Radio Valadouro (02/07/08)

Archivo del blog