viernes, 17 de julio de 2009

Biblioteca de Faiado


Poucas cousas teñen para min máis proveito do legado dos teus antepasados como o achado de cousas que miden o paso do tempo, obxectos que nos remiten a outra época e que nos unen dunha maneira física e espiritual a historias que non vivimos.
Un dos meus favoritos son as bibliotecas de faiado, sabiamente ocultas da luz do sol, apiladas en montóns combados baixo arañeiras poeirentas ou en sabias pirámides a piques da derrota. Os mais privilexiados, ordenados en estreitos andeis de libreiros rillados, tensamente aliñados nas baldas para impedir a súa fuxida, coas súas cubertas descoloridas, cos lombos descosidos e os bordes do papel tinxidos dun ton ocre. Por suposto todos en rústica e certa fragancia a humidade que só estimula a curiosidade por revolver neses títulos que esqueceu ahi un pai ou un avó. Unhas lecturas doutro século a 15 pesetas e de editoriales como Plaza ou a arxentina Mariel.
É curioso ver a evolución da publicidade que se integra nos propios libros, normalmente na contracapa nestes case 60 anos. Na década dos anos cincoenta, os libros poñián mensaxes de reclamo en grande tipografía "El autor, a la vez que intriga y emociona, despliega su fina ironía y gran poder descriptivo con un estilo de alta calidad" . Esta mensaxe que procedía impersonal da propia editorial, agora sustitúese por citas de prestixiosos críticos dos mellores periódicos do mundo ou de revistas literarias de gran reputación. "O thiller máis impresionante e aterrador publicado na última década" "totalmente recomendabel" "non se arrenpetirá" : extraído do The Times ou no New Yorker. Realmente expresan mensaxes parecidas as desexadas polo editor maís optimista pero con fontes de máis creto.
Neste feixe de libros que baixei do faiado é constante unha ausencia de sipnoses e polo contrario abondosa información do estilo, capacidades narrativas e influencias do autor. Se acudimos hoxe a unha selección dos títulos máis recentes, poucas veces se omite o argumento, incluso en extensos paragrafos e sin embargo poucas notas sobre un escritor que se supón que o lector xa coñece. É probable que nesta sociedade da información nunca se poida tratar ao cliente como tonto ou ignorante, aínda que o sexa. Na época de internet e a televisión, a vostede non lle imos a contar nada sobre Stiegg Larsson porque tivo xa ocasións de informarse e ademais sería unha ofensa para o respetable.
Nos anos cincoenta, supoño que as fontes serían o propio libreiro, os xornais, pode que a radio, eo boca a boca que sempre existiria. Un comprador de libros necesitaba oir notas biográficas explícitas así como os premios dados no seu país de orixe. Agora o individuo ten moita variedade de oferta para o seu consumo cultural, non pode perder tempo, quere saber que clase de historia vai ler, "de que vai" e o estilo ou habilidades literarias do escritor xa están suficientemente publicitadas ou son secundarias.
En definitiva, unha teoría de andar por casa, máis concretamente polo faiado, e créanme vostedes que non é moi cómodo para as miñas costas rescatar estas obras de mestres da literatura universal. Pero dou grazas a Deus de que os vellos puxesen a bon recaudo esta bibliografía e que ningún familiar se lle ocorrese facer un Farenheit unha noite de San Xoán calquera.

Archivo del blog