martes, 4 de mayo de 2010

Antonio Cajide, Viño de Autor


Agora que ven a derradeira vaga de frío antes do verán, refréscome en lembranzas de canícula, tan mal aturadas entón con case corenta grados na bisbarra de Ribadavia.
Ao día seguinte da festa medieval a aproveitando a (estraña) ausencia de resaca, concertamos unha cita con Antonio Cajide, colleiteiro, como identificaba a súa tarxeta de presentación, e un apaixoado da esencia da viticultura.
Antonio falounos na súa adega da bomba peristáltica que acaba de adquirir, do doado que é a viticultura con cartos, do trasfondo nos recoñecementos de catas, da desnaturalización do viño para satisfacer a comodidade do cliente. Contounos necesarios e precisos coñecementos de química, botánica e xardiñería, das barricas de carballo francés e húngaro que arrecende a vainilla. Lamentou o desprestixio social do ribeiro, o agradecido apoio da familia e os nutritivos guisos da nai para afrontar o duro traballo, do escepticismo ante a opinión dos críticos e a paixón pola terra e os froitos, do respecto polo oficio de colleiteiro e da filosofía de artesán con que mima e perfecciona cada fase dende a vendima ata o embotellado.
Non teño gran habelencia na cata de viños nin como afeccionado, polo tanto non poido falar moito dos matices e calidades dun produto como o Sameirás 1040. Pero coñecer as historias que nos contan con paciencia, detalle e paixón, colleiteiros como Antón a simples e curiosos clientes, fanme aproveitar e gozar grolo a grolo as copas deste delicioso branco.

Archivo del blog