sábado, 20 de febrero de 2010

Pequenas grandes revistas


Hai revistas realmente entrañabeis e unha delas e sen dúbida MU "la revista mensual del siglo XXI" que edita Isla Morada Ediciones. Non, non se fie da web que tampouco é unha fachenda de deseño e atractivo, senón no exemplar de papel de 20x26, grampado en mate. Se algo me gosta de Mu, ademais do seu título bovino, é a súa honestidade, a falta de falsa e baleira pretenciosidade, o estilo desenfadado e facturación (pode que finxidamente) amateur. Nestas épocas de crises morais e económicas onde excesos editoriais de vinilo resplandecente e altas gramaxes son destinadas a morrer de ambición en colectores azuis, é alentador que haxa unha intención de convencer polos contidos, non autobombearse con títulares de neón e ignorar a "rabiosa" actualidade de consumos masivos. O percorrido suave polas páxinas de MU é un catálogo de autores e creadores de distintos ámbitos de expresión e xeracións distintas, polo xeral non moi coñecidos, que suman esforzos para dar outra visión da cultura (unha filosofía coa que me identifico).
Quédome con Álvaro Galán e algún verso perdido entre fluidas copas de viño: Era una luz lluviosamente extraña,/ alicaída, distinta de otras alas/dolorosa/como el agua en las aceras. Una sombra/Era una sombra otoñal, luz desvaída,/era la luz de una sombra cabizbaja/cruzado el bulevar./Eran las manos de dios en los bolsillos/eran las suelas gastadas de la tarde/dejándose llevar (...)Tamén con Manuel Mesa que describe as experiencias graffiteiras e os bombardeos legais e ilegais, a verdade que as ilustracións córvidas ou retratos de impacto tiñan que estar en Museos ou de mobiliario urbano municipal, nada que ver con outros colegas de spray.
Por suposto non esquecer as madonnas eróticas e contemporáneas do alxecireño Mariano Vargas (publicado por Taschen non me estraña)e a serie plástica que inicia a arxentina Fernanda Staude.
En fin, tres euros ben empregados sen necesidade de pirotecnias gráficas, ademais case sen cortes de publicidade, como a TVE, e é o anuncio dun bistrot en contraportada!!! O mesmo onde lle fan a entrevista a Galán...Non é moi curriño todo?
só unha cousa, as grampas estanseme soltando, gastade algo en cola...dacordo?

Archivo del blog