martes, 7 de marzo de 2017

Sicixia

Ver Sicixia deixa unha sensación tonificante, fresca e inmersiva no sensorial porque ese percorrido da Costa da Morte e toda esa recompilación de secuencias da bisbarra supón unha experiencia hedonista como a que desemboca na atracción da parella protagonista.

O mapa sonoro, as vistas panoramícas sobre o mar e os cantís, o marisco a troula, o viño, as cantigas,o sexo prohibido...  Pero é esa vertente de ton documental, perfectamente enfiado co micrófono que iza Monti Castiñeiras para a gravación de voces e sons, a que se solapa con dificultade á trama principal dun xeito que se esgaza levemente en dous traballos e non nun produto cohesionado e unificado.

O propio cartaz da película avisa dese binomio creativo co lema "paseo polo amor e a costa da morte" que é tanto como dicir paseo pola ficción e o documental nunha mestura na que a soldadura non é tan perfecta como quixeramos imaxinar.

 Na parella protagonista na que o amor atopa unha quimica óptima e na que Marta Lado vai gañando dramatismo según avanza a cinta, sorprendéndose intensa nunha interpretación resolta e apoiada na habitual solvencia de Monti Castiñeiras, dono dun personaxe moito máis contido.

 SPOILER A peli termina nun tráxico e abrupto final coroado por unha epifania submarina de algas da que recoñézome incapaz de interpretar o seu sentido metafórico...a non ser que se deduza a morte de Olalla

 Por outro lado este filme e toda a obra de Ignacio Vilar son un referente no audiovisual galego, tan anémico no formato de longametraxes como para obviar esta valente aposta pola lingua e a cultura galega. Por cine adulto, maduro, de autor, sen concesións ás cuotas ou o oportunismos subvencionables, merece un xusto recoñecemento como resposta á traballada promoción e exhibición desta película da productora Vía Lactea.

Archivo del blog