martes, 6 de octubre de 2009

Dramaturxia de Pisón, Alta Sensibilidade

Xesús emprega película dunha ISO moi alta para percibir máis alén do que pode rexistrar o ollo humano medio. Con ese material sensible sobe ao alto dun Penido para revelar as pulsións larvarias e íntimas desa estraña raza de homes de cabeza de animal que deben matar para vivir, para ser homes en definitiva. Tamén dispón dunha lente de gran angular para gravar un time-lapse kitsch, torrencial e sen solución de continuidade, propia dese zapeo social e irreverente que reflexa esta sociedade comesta dos pallasos. Son tempos dun novo teatro, onde a linguaxe é unha corda que se revolve nunha torsión de monólogos condenados a separatas paralelas e xordas.
Pisón aburríase nos rangos cromáticos que se empregan na maioría de historias, por iso procurou unha nova química, para captar infravermellos e novas luces no diálogo coa realidade dramática. Unha avant-garde que define o desenfoque e orienta na escuridade, pero dende a tradición, non dende o artificio.
E sobre todo con poesía, porque ademais da guerra e loucura, a poesía é tamén signo da nosa raza.

"...uns minutos de vidro para nos
disolver/ou para nos disfrazar/os restos da noite son o meu reino, conquistado trago a trago"
NOTA comentarios sobre o monográfico da revista Casahamlet (nº 11-maio 2009) monográfico sobre o teatro de Xesús Pisón.
Ilustran este número as fantásticas ilustracións de Miguelanxo Varela

Archivo del blog