martes, 20 de marzo de 2012

Joan Chamorro presenta Andrea Motis, encantados de coñecerte.

Agora nos concertos de jazz o fume é de atrezzo e as divas solistas son tímidas adolescentes que levan xersei e bufanda de ensaio e miran disciplinadas ao profe Joan Chamorro para preguntar que canción debe ir agora.
Así é polo menos a deliciosa experiencia de asistir á irrupción da gran promesa do jazz hispano Andrea Motis.
O Auditorio de Ribadeo caeu incondicional e hipnotizado ao feitizo da fermosa voz de Andrea mentres debullaba con clase e personalidade os clásicos admirados de Ella Fitzgerald, Billie Holliday, Louis Armstrong, Jobim...un pouco de todo, con clase e perfecta contención, facendo súa cada canción. A señorita Motis abrazada a súa trompeta, acompañando o ritmo das invencións de Ignasi Terrasa ao piano, sentindo o latido da música, e esperando o seu turno, é un sopro de aire fresco,  de naturalidade e de confianza no éxito do traballo. Foi unha noite cool, de miradas embriagadas e admiradas polo talento natural nun exercicio de aprendizaxe impecable que tardaremos en esquecer.

Joan Chamorro presenta Andrea Motis actuou no Auditorio do Concello de Ribadeo dentro do Ciclo Músicas Posibeis o sábado 10 de marzo.

Archivo del blog