viernes, 5 de junio de 2009

Ruralismos

O ruralismo segue sendo un dos eixos da identidade deste país, unha marca de carácter que inflúe no noso comportamento social e na súa proxección cultural. Aínda que o neguemos é unha semente inconsciente que flúe na conciencia colectiva.
Para uns é un pasado a esquecer porque remite a unhas raíces das que avergoñarse e erradicar. Para outros un obstáculo reduccionista e acomodaticio na afirmación nacional.

Nada impide, non obstante, adoptar unha mirada equilibrada entre a tradición agraria e os desafíos de futuro.
O agro é moito máis que un sector en eterna crise entre subsidios e falta de competitividade. A aldea é moito máis que unha visita de fin de semana con vistas de Casa Rural. O medio rural debería ser a nosa despensa e granxa máis alá dun solar de investimento enerxético a costa de todo.
Se perdemos esa esencia, perdemos unha parte da nosa personalidade como pobo.
Para lembrar esto, dúas reivindicacións bibliográficas: Terragrafías (2009) editada pola Consellería do Medio Rural reafirma "esa aposta pola vida que moitas persoas fan da terra". Anxo Cabada, artista de Sabucedo, rexistra unha viaxe fotográfica-literaria que documenta a homes, mulleres e nenos, espremendo o zume da terra. Acompañan estas imaxes sobrias pero vitais, textos poéticos de autores como Álvarez Cáccamo, Fina Casalderrey ou María Xosé Queizán.
Sorrisos e boa colleita. Unha homenaxe dos humoristas gráficos galegos ao noso rural (2008. BANTEGAL)está coordinada por Xaquín Marín e compila unha exhaustiva relación de viñetas centradas neste tema dende a preocupación pola perda da vella orixe do humor galego, retranqueiro e poliédrico, menciña para mitigar os abusos e privacións.
A tecnoloxía, o banco de terras, a especulación, a desconfianza ante as vellas promesas son algún dos obxectos do lápiz desta lexión de debuxantes galegos que reivindican ante todo a dignidade do rural galego.

(N. viñeta Juan Carlos Abraldes.)

No hay comentarios:

Archivo del blog