martes, 17 de febrero de 2009

E para xeneralizar...Lugo


Vexo nun xornal ao meu amigo Antonio Fraga que anda implementado solucións de xeolocalización mediante ferramentas que recrean tridimensionalmente distintos territorios.
Unha das bisbarras nas que se aplican estas novas xeo-tecnoloxías é na Mariña lucense (situada ao carón da costa cantábrica e chamada así por pertencer á provincia do mesmo nome, xa veremos que isto non é tan obvio como parece)e onde se presenta un proxecto de voo virtual.

A virtualidade é un adxectivo que lle acae perfectamente á referencia lucense na omnisciencia galega.
Os habitantes do lucensismo (maléfico) experimentan incomprensíbeis problemas de identificación cando comezan a convivir con outros galegos por motivos académicos (laborais hai menos desprazamentos) en cidades como Coruña, Santiago ou Vigo.
Cando os nosos coñecidos pretenden “xeolocalizar” a nosa procedencia, un fenómeno teimosamente xeneralizador fai o seu efecto.
É moi sinxelo, xa veredes…Cando unha rapaza de Foz, Mondoñedo ou Viveiro coñece a un mozo de Carnota, Vilanova ou Padrón e intercambian vivencias, a rica é variada toponimia deste lado do país queda subsumida nun invariable tag que aforra moitos megas de inútil información: Lugo.
Da igual a tipoloxía do noso interlocutor, nosoutros “somos de Lugo” e eles da súa vila, aldea ou lugar. Se pasaron pola cidade amurallada acordaranse de ti, aínda que vivas nun pobo cantábrico, nunca aldea da Terra Chá o nunha casa nos Ancares. Dáslle auto completar e sae Lugo, así para abreviar e homoxeneizar. Lugo e o seu contorno apenas resisten a espesura da ignorancia á diversidade. Esta provincia “interior” é a máis extensa e probablemente a máis heteroxénea atendendo a datos físicos pero iso non paga a pena para unha Galicia mainstream que se aferra a un reducionismo bravo e hipermétrope.
Conversa 1
Que tal por Lugo esta fin de semana?
Bah! Pouca cousa… e ti por Coruña?
Por Coruña…neno, andas parvo, ben sabes que son de Corcubión…
E eu de Ribadeo a 90 Km da capital.
Pero é de Lugo non?
E ti de Coruña, si?
Non sei porque vos “parece mal” Tendes pique cos de Lugo?
E Dálle…para que esforzarse mais.
Nun programa da TVG do venres anuncian a competición de baile de dúas parellas novas, unha de Meaño e outra de Lugo. Así son presentadas por un veterano presentador que a pesar de que os rapaces últimos son de Barreiros (A Mariña lucense) sabe que con Lugo nunca se equivoca: Lugo é un atallo perfecto que non precisa concreción

Conversa 2
Falo cunha empresaria da Estrada e despois de darlle abondosos datos para que traia ata aquí o navegador, coméntame polo móbil que Lugo é fermoso.
Que Lugo?- pregunto curioso.
Pois por exemplo o Cebreiro-chúfame sen rubor-“tedes” unhas paisaxes preciosas.
Temos?...non me imaxino espetándolle a un tudense: Tedes unha provincia que non merecedes! Chupiguai.

Lugo non existe, proclamo, vamos, como provincia natural. Existe esa delimitación que promoveu o liberalismo centralista no 1833, tan artificioso como pode ser un estado rectilíneo en África ou América. Pero á marxe da das accións ou inaccións das deputacións e o nicho do mercado informativo con que o xornal El Progreso buscou a súa supervivencia fronte a competencias , non hai ningún vencello, sentimento conexión que un rapaz de A Mariña (lucense) compatibilice con outro da Terra Cha, do Val do Lemos ou de Chantada. Non hai sitios comúns de saída, non coincides no instituto, non vas ás mesmas festas, non acostumas a ter amigos doutras comarcas pero si é moi probable que coñezas algún deles en Santiago ou Coruña.
Preto de dous séculos de provincialismo non creou unha ligazón distinta e cohesionada que non sirva ágas de espigón electoral.
Non sei porque xa se esqueceu o debate da abolición de provincias e a súa sustitución por unha estrutura forte de bisbarras que si son entidades naturais e de dinamización máis eficaz e funcional.
Mentres seguimos sendo de Lugo neste complexo e extensísimo impaís que é a Galicia siberiana e rimos dos desatinos xeográficos que os alleos perpetran.
Nosoutros non nos equivocamos. É imposible con catro letras.

3 comentarios:

O pastor eléctrico dijo...

A min pásame que sempre me din: de Lugo... pero de Lugo Lugo?

estibalizes dijo...

Que xenial artigo. A verdade é que non era moi consciente dese reduccionismo [claro, non me toca], pero si é certo que Lugo é pensado como definitiva cousa aparte. Algunha explicación psicosocial haberá, agora non me é posible nin intuila.

Lionel dijo...

Dunha volta viñeron uns coruñeses (da cidade) coñecer O Prado das Chantas, cando o viron, unha das rapazas dixo: "É coma unha ronda", e eu espeteille: "A de Outeiro ou a de Nelle?", moi extrañada preguntoume: "Coñeces A Coruña? Eu pensei que eras de Lugo de Lugo".
Aínda non sei se quixo chamarme provinciano ou localista ou ningunha das dúas cousas. Se lle chego a dicir onde nacín e onde medrei, era quen de me dicir: "Ti de que planetas baixaches, neno?"
LIONEL

Archivo del blog