martes, 14 de agosto de 2007

A mirada de Xulio

O venres 3 de agosto acollimos, na Praza de Santa María en Ferreira do Valadouro, a unha proxección multimedia: fotografias de Xulio Villarino cunha banda sonora escollida sabiamente polo autor para dar máis ritmo, forza, dramatismo ou divertimento segundo o tema que tratara. Esto das proxeccións de fotografia en pantalla grande e nunha morna noite de verán, copieina descaradamente do propio Xulio (as cousas boas hai que copialas sempre que cites á fonte)quen levaba anos facendo en Viveiro proxectos semellantes. Cando un mira o que antes veu Xulio, sinte admiración e ao mesmo tempo unha vergoñante e encendida ferida, cando o fotógrafo nos abre outros mundos, outras vidas, outras mortes que se camuflan en eufemísticas cifras e titulares de xornais e telexornais, mesmo avisan de "que as imaxes poden ferir a súa sensibilidade". En Guatemala, Mozambique ou Palestina, Xulio abre a fiestra de par en par sen reparar en sensibilidades nin estomágos tenros, porque a única oportunidade que teñen alí de ser protagonistas pasa pola lente e os ollos de Xulio ou xente coma el. Porque...pensádeo por un momento...podíamos ser nós quenes non tiveramos nada que levar á boca, quenes naceramos xa co VIH, quenes estiveramos exilados nun deserto sen futuro ou morrer adolescentes atravesados por unha bala dun francotirador uniformado. Da medo ver o que Xulio ve, cando sabes que estás retratando o último sorriso dun neno, a desesperación dunha nai, a traxedia dun pobo, a morte cotidiana, a fame, as vidas en silenzo...pero hai que abrir os ollos e simplemente compartir a mirada de Xulio para mirar máis alén, onde a vida, a xustiza, a liberdade se dobrega coa ignorancia como mellor cómplice.

2 comentarios:

torredebabel dijo...

comparto esa sorpresa pola mirada dos que coñecen o misterio da fotografía. É fabuloso descobrir e descobrirnos no seu ollar...

Torreira dijo...

Gosteis destas tormentas con sabor a valadouro...

Archivo del blog