martes, 4 de febrero de 2014

Papel cor Pel 1

A influencia das sucesivas cicloxenitais explosivas baixan a maré da miña brava líbido polo que pensei facer unha entrada reivindicando o erotismo da 9ª Arte. Si señores: mozas espidas como expresión intensa da beleza e sexualidade das historias que se fragmentan en mil cadriños de papel.

O cómic para o público adulto (non confundir con produtos como Comix) é xeneroso en exhibir o corpo, sobre todo feminino como vehiculo para reflectir intres de lecer acompañadas as máis das veces por partenaires galantes e amantes sobre camas o outros lugares de paixón.

Case sempre son mozas ben feitas, corpos desexables onde o debuxante fai alarde da súa boa técnica imprimindo harmonía de formas, curvas e detalles.

Por último as fermosas protagonistas das BD elixidas acostuman ser novas, brancas, de peitos bonitos e longas pernas, conformando esa tipoloxia estándar na novela gráfica. En canto ao rol aqui pódese atopar máis variedade, ás veces a muller leva a iniciativa, outras o home ou acaso a paixón é simultánea e coordinada.

Arrincamos con produto español, a estupenda debuxante Ana Miralles que fixo un traballo espléndido co guión de Dufaux para a serie Djinn
Esta historia tiña que ter espidos si ou si, xa que o erotismo atravesa da capa á contracapa. A protagonista é a favorita do Sultán, Jade que usa os seus encantos e intelixencia para conseguir o que quere. Nun escenario exótico, nos límites do Imperio Otomano, nunha época de intrigas, espionaxe e ambiente prebélico desenvólvese unha historia seductora e imprevisible que viaxa no tempo e no mundo na estela dese xenio malévolo e fascinante, o Djinn.

Miralles fai uns debuxos preciosos do corpo da muller, cun rexistro de miradas que é perturbadora e moi expresiva para identificar cada personalidade, coas liñas suficientes, non é unha autora que abuse de detalles pero cun dominio maxistral da luz e da sombra para dar os volúmenes precisos ao tipo femenino e deixarnos coa boca aberta. O seu estilo é perfecto para ilustrar as belezas que se agochan tras as paredes do harén ou para contrastar as formas de mulleres de distintas razas nesta historia tan suxerente que recomendo pero xa!!!

Agora poñemonos románticos como na novela gráfica El Vuelo del Cuervo do francés Gibrat, unha historia ambientada na II Guerra Mundial, no delicioso Paris, unha moza valente xogándose o pescozo pola Resistencia, polas rúas e os tellados esvaradizos da Cidade da Luz. Poñede unha boina vermella e unhas luvas brancas e teremos o arquetipo de rapaza chic e soñadora capaz de namorar a un rapaz lacazán e pillabán pero de bo corazón. Ben, temos todos os ingredentes tópicos pero é que ademais Gibrat é un talento na composición de fermosos cadros que reflicten con detalle os diferentes escenarios urbanos. Tamén no dinamismo das personaxes, case síntese o aletear da saia de Jeane ao ritmo das belísimas pernas e poses da figura protagonista.

Gibrat é un namorado da beleza dunha muller feminina e encantadora e nótase, síntese, no trazo, na expresión... Normalmente non imaxinariamos nesta historia suave e doce este desnudo tan natural e elegante, un pouco da vella escola pero tan contemporáneo como debeu ser ese Paris dos anos 40 para os que foron os seus protagonistas. Pero ahi está.

Rematamos a primeira entrega cunha serie que sempre me fascinou, teño que recoñecelo, máis ben polo extraordinario guión de Patrick Cothias aínda que hai que asumir a perfección con que André Juillard serve á esta novela histórica que é Las 7 vidas del Gavilán. Juillard perfila descarnado, crú e de xeito vívido cada personaxe desta BD imprescindible. Bondade, xustiza, maldade, baixeza, lealdade...cada carácter está cosido á pel nos rostros con que Juillard nos somerxe no drama desta obra emocionándonos e violentándonos a partes iguais.
Aqui unha gráfica que se sae da norma exposta na introdución: unha parella entrada en anos, enrrugas e carnes, unha lealdade e pracer confiado pola criada ao Señor. Saímos das beiras más habituais do erotismo e agradécese nesta escena de inevitable tenrura e sensualidade.
En breve máis entregas, mañá ou pasado que esto non é Twitter, é un blog, lembrades? que se actualiza cada semestre?





martes, 5 de noviembre de 2013

La Doppia Ora

Ritorrnamos ao blogue que ao pasar de moda é moi hipster volver ata que as redes sociais pasen de moda...pode suceder eso?

As formas de reinterpretar esa arte da repetición que é a cultura, teñen tecidos moi distintos en cada caso que validan ou non a distinción, a orixinalidade, a especialidade fronte o cliché, o refritido, o común, a vulgaridade...

La Doppia Ora, un filme italiano de intriga, suspense (ou o que vostedes queiran porque parece transitar nas fronteiras de varios xéneros), plantexa como de xeito aparentemente fortuito, dúas persoas solitarias, unha camareira de hotel e un vixiante de seguridade, ex-policia, atopanse nunha velada de citas rápidas e empezan a sair xuntos.

A excusa argumental ven inserida no título: unha hora dobre na que podes pedir un desexo. Aqui o argumento pega un xiro sobrenatural sobre unha trama que asoma de xeito realista e ritmo pausado.

Curiosamente o macguffin máxico é sabia e progresivamente exposto se caer na tentación do efectismo e provocando no espectador unha escéptica dúbida sobre os acontecementos estraños que a protagonista femenina padece.

Esta, unha soberbia Ksenia Rappoport, gañadora da Copa Volpi á mellor interpretación femenina, é unha muller, aparentemente (adverbio que non "spoileriza"), enigmática, triste, solitaria, sumida nunha rutina ensoñadora onde o futuro non semella ter percorrido.

O Vixiante, Filippo Timi, parece atopar por fin en Sonia, a muller no que encher o baleiro emocional da súa viuvez. Cando mira o reloxo, A doppia Ora, cúmprese o seu desexo. Pero hai unha seconda doppia ora, e esta vez é a oportunidade de Sonia.

A solución ao misterio é resolto cun guión estupendamente ben armado no que non chirria esa previa atmósfera de pesadelo. O final é incerto e non previsible, mesmo pode ter máis dunha observación non tan obvia.

Sempre é refrescante atopar historias que non asumen os estereotipos tan mallados do xénero e que demostran que o cine europeo, neste caso o italiano, é máis brillante cando adopta unha cultura propia e non imitativa da escola hollywoodense.

A película dirixida polo debutante realizador de videoclips, Giuseppe Capotondi, foi nominada ao León de Ouro no Festival de Venecia de 2009.

miércoles, 20 de febrero de 2013

Telemétrica, outra visión

A mellor compra que fixen no pasado 2012 foi unha cámara telemétrica marca Yashica Electro GSN a través de Ebay. Quería algo diferente ás dúas réflex que tiña, unha dixital e analóxica (Canon Eos 20D e Canon Eos 300 respectivamente). Sempre oira con mestura de feitizo e envexa, a experiencia de fotografíar cunha telemétrica, obxectivos de calidade, moi luminosos, sistemas de preciso enfoque, nula trepidación, discretas...Por suposto non era factible unha aproximación ao formato da man do elitismo Leica ou nun segundo chanzo de exclusividade Zeiss Ikon ZM ou a fermosa Konica Hexar RF. Tampouco me atrevía a experimentos como a Contax G2 que dependian máis de sistemas electrónicas ou no polo oposto Voigtlander Vito, auténticas xoias que tiña medo do seu estado despois de tantos anos. Por outro lado o meu presuposto non me permitía tolerías cun sistema descoñecido para min e menos tendo en conta que falamos de fotografía de película, un mundo en implacable decadencia.
As opcións máis económicas xiraban arredor dunha Canonet (demasiada fartura e fidelidade a unha marca) Olympus 35 RD, Yashica (opción elixida), Zorkis e demais soviets e mesmo a famosa "Leica-Texas" unha RF descomunal que funciona co formato 6x9 e produce negativos que equivalen aos naipes da baralla.
Yashica Electro 35 GSN

Se te equivocas, que sexa con pouca pérdida, lembremos os casos dunha lupa como alargador de pene e un ladrillo como Iphone  no inmenso zoco que é Ebay.
Pero aínda queda xente boa en internet! vin unha Yashica Electro GSN que se subastaba por un tipo alemán en Colonia (os alemáns parecen fiables, non? as fotografías do produto, grandes, nidias, luminosas...non diferían moito do que debeu ser esa cámara en calquer escaparate a principios dos 70, perfecta, nin unha raia no corpo metálico, unha lente limpa, a funda como se fora desabrochada un par de veces a modo de comprobación. Nin unha nimia raia no brillante corpo metálico nun unha rozadura nas partes recubertas con vinilo, a lente, limpa, clara sen marcas nin por suposto fungos, o visor na mesma tónica, os mandos suaves e de inmediata resposta, diales, disparador, anel de enfoque...Unha auténtica xoia estética moi de moda pola onda retro que impera no deseño das cámaras dixitais EVIL ou telemétricas. A gran pregunta é: tiña a un prezo razoáble un fermoso aparello decorativo dos 70 pero sen ningunha funcionalidade? Home...un honrado e probo cidadán alemán vendendo un confiable produto da enxeñería e tecnoloxía nipona. Non me sexan desconfiados. Pero comprendo a incerteza nesta época de obsolescencias programadas (paranoides ou non) e nun mundo que só pensa en refugar e renovar. Na imaxen comproben o que a cámara, a vella e popular no seu tempo point and shot pode rendir no ano 2012-ata que a pila de mercurio (contaminante, eso si, aguante). (1)
O comportamento impecable, robusta, pesada, (3/4 de kg, factor negativo), ergonomía, simplicidade, o silencioso diafragma, a veces pensas en que non disparaches realmente a instántanea, acostumado ao ka-ta-klac da réflex son algunha das características desta camera eficaz que ten un rendemento especialmente brillante nos interiores e nos ambientes oscuros co seu Yashinon  45 mm 1.7. Unha auténtica xoia na que hai que afacerse a pantalla de enfoque do telemetro que crea imaxe dobre nunha mancha dourada que hai encaixar sobre o perfil do obxecto a enfocar pero que despois reportar moitas satisfaccións impresas en 35 mm.

PD Entereime de que poden ser sustituidas por un orixinal adaptador.

lunes, 19 de noviembre de 2012

Michiña, O feitizo dunha estrela

Quedo con ela no vestíbulo do hotel onde se aloxa e véxoa chegar distraída pero sen abandoar o seu andar felino, marca da casa. Sen maquillaxe, roupa cómoda e xuvenil, costa recoñecer a escintilante estrela, ídolo de masas nas pantallas e na música ademais de icona da moda.
Pide un vaso de leite, "nada glamoroso"-di- e lémbrame os seus gostos sinxelos: non facer nada no seu tempo de lecer, "un arte perdido"-rí irónica-"A xente xa non sabe desconectar". Encántalle tomar o sol,  adormecida, cando non está nos platós de rodaxe ou no estudo de gravación.
Parece unha moza normal, divertida e bule-bule máis que unha diva xuvenil que un espera atopar.
Cóntame, mentres pasa a lingua sobre o gracioso bigode lácteo, que segue facendo a mesma vida que cando era anónima: volve ao vello barrio, a ruar na calella de xogos infantís para falar coa rapazada e poñerse ao día.
Orienta as orellas en dirección aos altofalantes cando empeza a soar Meaow, o primeiro single do seu disco de debut que está no top 10 dos máis ouvidos en internet e ollame cunha mestura de rubor e sorpresa.
"Cantei dende pequeniña e os veciños sempre ficaban engaiolados ante os agudos que saían desa cousa tan pequeniña-aclara entre gargalladas-"Foi un proceso natural, sempre quixen gravar un disco e chegou a oportunidade no momento perfecto".
Despois da súa aclamada interpretación na adaptación ao cine de "La chatte" baseada na obra de Colette, busca un cambio de rexistro, un traballo para todos os públicos. Devezo esta profesión porque permíteme ser moitas persoas distintas nun espazo temporal moi pequeno, adoito interiorizar cada personaxe ata perder gran parte da miña propia identidade, ¡é algo que mete medo! pero ao mesmo tempo máxicos, a veces non te recoñeces diante do espello. "Como che digo agora quero acción, adrenalina e flocos de millo"- e volve a rir.
Como na pantalla, cambia de rexistro e chisca un ollo seductor a un camareiro aturdido que non pode deixar de fixarse na nosa protagonista.
Encóllese de ombreiros, cando lle apunto o título de animal vivo máis sexy do planeta concedida polos lectores dunha prestixiosa revista: "Cousas dos xornalistas...hai milleiros de rapazas máis guapas pola rúa pero son anónimas".
Moitas desas mozas levan penduradas do pescozo xoias deseñadas pola entrevistada e agora rumba case con paixón cando falamos do selo Little Kat, unha liña de accesorios que están presentando unha alternativa a poderosa Hello Kitty.
"Non se trata de competencias, son mercados distintos, a miña colección pretende un concepto algo máis sofisticado e elegante, menos inxenuo pero a un prezo asequible. Sempre me gostou debuxar, a miña nai garda unha carpeta rechea de debuxos e esbozos..." -Cando a interrogo pola súas influencias- " Inspírome na natureza, na arte moderna, no que vexo na rúa...reinventado coa miña imaxinación infinda, remexendo  en todos os caixóns"-risas.
O seu axente avísa que o tempo da entrevista rematou, ensaia un aceno de desculpa, despedíndose cun amable e reiterado rozamento que me deixa abraiado mentres se alonxa entre olladas de admiración e murmurios, camiñando de vagar, elegante petar de tacóns, como unha gata sobre o tellado de zinc.
http://www.flickr.com/photos/susorubio/3879634724/ (Michiña portrayed courtesy by Suso Rubio)


martes, 20 de marzo de 2012

Joan Chamorro presenta Andrea Motis, encantados de coñecerte.

Agora nos concertos de jazz o fume é de atrezzo e as divas solistas son tímidas adolescentes que levan xersei e bufanda de ensaio e miran disciplinadas ao profe Joan Chamorro para preguntar que canción debe ir agora.
Así é polo menos a deliciosa experiencia de asistir á irrupción da gran promesa do jazz hispano Andrea Motis.
O Auditorio de Ribadeo caeu incondicional e hipnotizado ao feitizo da fermosa voz de Andrea mentres debullaba con clase e personalidade os clásicos admirados de Ella Fitzgerald, Billie Holliday, Louis Armstrong, Jobim...un pouco de todo, con clase e perfecta contención, facendo súa cada canción. A señorita Motis abrazada a súa trompeta, acompañando o ritmo das invencións de Ignasi Terrasa ao piano, sentindo o latido da música, e esperando o seu turno, é un sopro de aire fresco,  de naturalidade e de confianza no éxito do traballo. Foi unha noite cool, de miradas embriagadas e admiradas polo talento natural nun exercicio de aprendizaxe impecable que tardaremos en esquecer.

Joan Chamorro presenta Andrea Motis actuou no Auditorio do Concello de Ribadeo dentro do Ciclo Músicas Posibeis o sábado 10 de marzo.

domingo, 5 de febrero de 2012

The Gift


The Gift, ovacionados no Teatro Principal 
O concerto empezou frío e distorsionado, (algo dos equipos de son) Sonia entraba rara, con pinta de lírica e había un ambiente de experimentación que recibíamos con cautela, pero o frío saiu do Teatro Principal tan rápido como a voz de Sonia ascendía en volutas graves e amargas acompañada do piano nostálxico de Nuno Gonçalves. Cando Sonia consigue domar esa voz que vai do cristal á area dende o máis alto ata o rumoreo respirado, emociona, mesmo nese rexistro lento, espido, que é a Primavera do seu concerto, consigue deixar momentos cálidos, envolventes que revela a potencialidade e versatilidade dun grupo que non simplemente quere adaptarse á distintas correntes de xénero, senón que honestamente exploran novas vías de sensibilidade que responden ao ánimo compositivo.
Pero a segunda parte-Explode- empeza a quencer máis ao público  cun The Gift máis recoñecible e colorista, ritmo, alegría, cancións frenéticas onde creo que a voz de Sonia sae máis aproveitada rodeada de toda a pirotecnia de pop rock+synth que nos fai vibrar a todos no Principal. Hai de todo, pop hedonista, himnos, ópera rock, electro...e palmas botando fume in crescendo, o público a estas alturas xa está tan gañado que Nuno  vaise medrando para asumir o liderazgo de The Gift dende os roles máis variados e compatibles: elegante, seductor, irónico, simpático, frontmen, contaxiando as plateas cunha enerxía desbordante que chega ao paroxismo antes dos bises obrigados. Non podíamos obviar a Sonia, embarazadísima, entregándose en corpo e alma a un explode frenético e sen acougo máis alén do deber esperado, fundindo o vozarrón cun sorriso nos beizos, bailando, sostendo un longuísimo tarareo dialogado co público compostelán, Si amigos o concerto valeu cada céntimo da miña entrada e da entrada da miña acompañante ausente. Dúas horas de felicidade quente e musical para combatir a longa noite siberiana. Son un auténtico regalo.

jueves, 13 de octubre de 2011

The Housemaid (2010)



Byung-sik disfruta con clase os praceres vedados
visión panorámica do home da casa.
The Housemaid, seica unha película surcoreana remake da súa homónima orixinal da que falan marabillas. Lamentablemente o cine asiático periférico dos anos 60 non é tan accesible como o do século XXI e na era de internet. De calquera xeito a versión moderna xa é suficientemente boa como para deixar unha pequena nota. Un dos detalles que máis me gostan da cinta é a autoridade e solvencia na relación entre a historia e as personaxes. Hai unha coherencia constante na asunción de cada rol que se entrecruzan desenvolvendo unha historia precisa . Inxenuidade, Irresponsabilidade, Acomodación e Odio. As cartas están repartidas para manter o status quo debido. Luxo asiático e glaciar nun fermoso inverno para as peles máis ricas. Todo como debe ser, Arriba e abaixo. A tradición, o futuro, a descendencia, nobreza obriga. Pero tal como sempre debeu ser, os instintos, o prohibido, o pracer do privilexiado, o desexo de ser amada dende arriba quebra necesariamente o estado das cousas. Impónse reparar a fenda pero...ata aqui debo ler. Fermosa cinta nun posta en cena brillante como podemos ver nas capturas.

Cast
Do-Yeon Jeon. Inxenuidade que muta a unha perigosa melancolía.
Jung-Jae Lee. Irresponsabilidade. (e moito capricho)
Seo-Woo- Odio-reparador e amoral.
Yoon Yeo-Jung Acomodación sempre digna
Seo-Hyeon Ahn- Nami, nena de corazón puro do que nos tememos que herde as vilezas de familia

Archivo del blog