lunes, 11 de agosto de 2008

Tropa de Elite


Tiña gañas de ver , Tropa de Elite, o filme brasileiro que describe as actuacións do BOPE, unha policia paramilitar que debe pacificar as favelas co motivo da visita do Papa Xoán Pablo II.
Hai no filme un triángulo definitivo e esencial: o capitán Nascimento e os dous aspirantes Neto e Matías. O oficial desexa abandoar o corpo, aflixido por un forte estrés que pon en perigo a súa estabilidade emocional e a vida familiar co seu fillo recén nacido. Para cumprir ese desexo, precisa atopar un sustituto e ambos aspirantes serán decisivos para completar esa misión. É dificil encadrar Tropa de Elite nun xénero ao uso, posto que aínda que xoga con ingredentes de acción policial con persecucións, tiroteos, narcos, é enfocado dun xeito máis real ou documental e menos efectista onde a dramatización é secundaria na construcción da historia. As personaxes non se abordan con profundidade, o máximo protagonista, o capitán Nascimento narra en off e en primeira persoa unha gran parte das pasaxes co principal obxecto de describir e explicar os mecanismos de funcionamento deste peculiar corpo, destacando as constantes corrupcións e o durísimo proceso de adestramento dos novos aspirantes. Nascimento denuncia con obxectividade fria e moral contradictoria a incompetencia a corrupción da unidade pero protagoniza e xustifica a tortura e brutalidade duns soldados convertidos en meros exterminadores. Paralelamente quere abandoar o sistema e para iso aparecen Neto e Matías: inxenuos, idealistas, honrados que baten de fronte cunha realidade pervertida.
Matías dubidoso, intelectual que estuda Dereito e quere cambiar a sociedade, enrédase nunha situación perigosa con estudantes acomodados que xogan con ONGs, drogas e narcos. Hai unha relación cunha rapaza benintencionada que provocará o desenlace final. Pero sería excesivo falar de amor nun filme rudo e despoxado de tópicos felices. A acción é confusa visualmente, difícil de "ler", tipo cámara de guerra sen grandes alardes escénicos, o mesmo nas torturas e asasinatos, sobrios sen concesión ao espectáculo efectista pero que se intúen aínda máis terribeis.
Hai agresividade, personaxes ao límite, crueis e sobrevivintes que queren a súa parte do pastel a ambos lados da lei, sen que sexa doado distinguir quen merece máis a nosa "aprobación ética".
En definitiva unha película ben interpretada, atractiva e diferente cunha narrativa áxil e fluida para contar unha historia dende outra perspectiva pero na que se agocha unha mensaxe ambigua e perigosa no que o remedio acostuma a ser peor que a enfermidade.

Archivo del blog